sábado, 8 de agosto de 2015

MANUEL RIVAS, A boca da terra, Xerais, 2015, OS NOMES SECRETOS.


Dicía Wittgenstein que sen palabras non pode existir a realidade porque non sería cognoscible. O urbanita impaciente só ve un bosque uniforme e aburrido cando pasea por unha fraga de castiñeiros, albedros e sabugueiros. Paxaros, herbas e insectos adquiren especiais significados cando coñecemos os seus nomes. Se a nosa felicidade dependese de atopar unha saramaganta, un picanzo, un carrizo, unha barbantesa, o matafogo, o érbedo, a loia,.. cantos poderíamos alcanzala? Cantas cousas, sensacións e sentimentos son invisibeis para nós porque non temos a palabra exacta que os conteña? Mais non son as cousas as que esconden o seu nome,  son as persoas as que deciden descoñecelos, aínda que a terra fale e mesmo berre por nós. Así desfilan diante dos ollos as tres partes do poemario descubrindo o significado auténtico de herbas, paxaros, árbores, os topónimos escondidos, antropónimos esquecidos e haikais que tentan nomear sensacións sutís e case secretas.

O novo poemario de Manuel Rivas estructúrase en tres partes introducidas por unha cita que remite ao tópico do homo viator que arrastra o seu camiño e se alimenta da linguaxe: A terra que se esconde, A báscula de Ohio e Oracións fúnebres.

A terra que se esconde, precedida coa cita de Camões (Inda muita terra se te esconde até que venha o tempo de mostrar-se) redunda nesas realidades descoñecidas, ignoradas polo abandono ou a deserción dos seus donos. Na natureza insurxente os Haikais ceibes procuran, como signos lingüísticos esenciais e complexos, identificar unha realidade sutil ou un sentimento sen nome previo, unha procura por lembrar as cousas que están a perder as súas palabras.


Ese abraio das cousas

Cando o home

Ergue a man contra si                      p. 19



Todo o poemario é unha loita contra o esquecemento:

O esquezo anda a caza

Polas brañas do tempo

Cun furón no peto                              p. 23



Os topónimos son palabras  cun significado oculto, esquecido polo progreso, (coma o río soterrado de Monelos ou a fraga invisíbel de Zas..) que pode ser rescatado.

As herbas e insectos que ninguén ve, o matafogo no asfalto, a gargantesa mimetizada, denuncian o atropelo das palabras esquecidas e a desaparición da consciencia que procuraban.

A báscula de Ohio semella o ollo  olímpico ou divino que observa en silencio distante a culpa, a medida de todo, a tristura, a extinción da lingua, a saudade, o silencio.

Oracións fúnebres, quizais a peza máis emocionante, aloumiña outras realidades esquecidas, escondidas, palabras ao fin, os nomes de persoas comprometidas coa xusticia,  asasinados na guerra civil e perseguidos. A loita contra a inxustiza non remata se hai esquecemento: A familia Camacho Montoya, Ánxel Vila, María Miramontes ou Ánxel Casal entre outros, forman parte dese dicionario de signos que precisan lembranza para construir o noso coñecemento con obxectividade.

A boca da terra berra que non só perdemos palabras; perdemos consciencia e alma.


No hay comentarios:

Publicar un comentario