martes, 7 de julio de 2015

CRONOLOXÍA DA URXENCIA de Dores Tembrás, XVI premio de poesía Concello de Carral, Espiral Maior Poesía, 2014, prólogo de Pilar Pallarés, APUNTAMENTOS DUNHA LECTURA.


 
Podemos ler no imprescindible e profundo prólogo de Pilar Pallarés que Dores Tembrás recoñece, en entrevista con Carme Vidal, que as trabes da súa poesía son terra, silencio e desexo, pero poderíamos atopar outras vigas coas que soster o artificio poético de Dores Tembrás:



A escrita é o raíz dun labor ou teima que adquire funcións máis complexas e que mesmo  trascende a simple fruición estética, catarsis, explicación, búsqueda...:

"Escriturarte
-non escribirte-
purgar" (p.27)

"Escribir
fermentar a milésima
na que fas hipótese
ou bagazo
vou?" (p.51)

"desafiuzada
enxertas
a túa palabra
no peito
ilimitándome" (p. 74)

"ofrécese
ofrezo
hermenéutica
para corpo
pregado
á escrita" (p. 66)


O desexo: O título, Cronoloxía da urxencia enténdese como unha exposición diacrónica ou unha historia do desexo. O deleite, os seus momentos e os seus obxectos, defínennos a nós e ás nosas idades. Evolucionamos cos nosos degoiros e devezos, transformámonos con eles, ou quizais debemos decir que nos cambian as nosas arelas e afáns.

A mudanza provocada polos nosos desexos, a metamorfose constante (como diría Heráclito) define a nosa existencia porque é inevitable, inexplicable:

"Deter a eclosión
escaldándome" (p. 35)

"moreiras
que nutrirán
vermes de seda
era a promesa sen verbo
ou casulos perforados" (p 29)

A dor que producen as nosas transformacións está a xerar a experiencia, a consciencia, (unha consciencia da dor quizais debida ao recoñecido influxo de Pizarnik):

"para que abugardes
en min
con cada arumia
desaceirándote" (p. 78)

"coma quen deixa
tralo alfinete
nacer o sangue na xema
antes de
paciente
aquilatándote
precisa" (p. 67)

"mírote sen medo
por rumbo
a derrota" (p. 56)

As mulleres están presentes na poesía de Dores Tembrás cos seus actos xeracionais e os seus obxectos simbólicos (termar da filla, a lixivia, o alfinete, o ferro, a esfolla,  o leite recén munxido) para soster o noso pensamento e construirnos:

"era iso
blindar as palabras
na severidade do cepillo contra o chan" (30)

Os sabores parecen ser outra clave da terra presente en todo o poema:

"entre palabra e palabra, pasar lambendo" (p.25)

"Sóuboche o silencio atroz?" (p.26)

"areas rillando
nos dentes
man en cunca
por acumulación
sorbos
a desaparecer papilas
confundir a boca
a man
a sede" (p.77)

Debemos lembrar como lectores que os sabores inducen un silencio obrigado, centrado na percepción do instante.

O silencio transfórmase no espazo perceptible, elipse, baleiro, omisión significativa, nudez, "ascese imposta" (p 29), os catro minutos e treinta e tres segundos de silencio da obra musical de Cage (p.31)
Ás veces o silencio urxe ao lector a buscar, a entender, a completar o poema. As citas de Pizarnik e de Eva Veiga sinalando as dúas partes sen título (coma sen rematar ou inefables) do poemario parecen brindar esa pista.

            Átopos (p.28) enlaza o desexo de orixinalidade, o silencio imposto pola imposibilidade coa que se enfronta a súa obstinación e termina así:

"flor de sabugueiro
a tapiarme
a boca"

            Unha forma do silencio está na ausencia de verbos e adxectivos: a comunicación nominal, esencial, a omisión, as elipsis e a carencia de signos de puntuación escurecen a mensaxe, enfocan a esencia, mostran unha ascese necesaria. A forma transfómase en mensaxe: o poema é o proceso de espir, chegar á esencia. Os espazos do baleiro, (na voz de Eva Veiga, citada no poemario) maniféstanse en poemas esenciais e case aforísticos.

            As misteriosas asociacións de imaxes, ás veces cinematográficas son outra manifestación de silencio:

"Cartografar a carencia
era
un ir de puntas
entre os bafos" (p. 48)

"pero ti
executor da mudez
plano sobre plano" (p.44)

"para declinar
dedos esquizofrénicos" (p. 40)

       Cando non hai palabras transfórmanse ou atópanse novas formas e sentidos: "desaceirándote" (p. 78), "ilimitándome" (p. 74), "manenaxenada" (p. 68), "ohmímetro" (p. 33).

            A escuridade sintáctica, a profusión de elipsis e aparentes anacolutos, e a extrañeza que provocan, son o medio máis significativo de silenciar palabras, de provocar o silencio:

"agora
osmar a noite
entre as fabas
para que ti
predicado" (p.80)

            A auténtica consciencia, parece decir Dores Tembrás, está no espazo que separa dous pensamentos. Do mesmo modo que as illas Icarias son o produto da caída da envaecida consciencia dun Ícaro e aparentemente só hai mar entre elas; entre dous pensamentos, (as illas das que fala Aurora Luque nos seus poemas), hai un mar de fonda vivencia. Vivir auténticamente o presente esixe non lembrar o pasado (sexan dores ou nostalxias), non preocuparse polo futuro (sexan esperanzas ou medos).  Hai que vivir ese mar. Hai que silenciar a mente para vivir en directo o presente.