Dicía Wittgenstein que
sen palabras non pode existir a realidade porque non sería cognoscible. O
urbanita impaciente só ve un bosque uniforme e aburrido cando pasea por unha
fraga de castiñeiros, albedros e sabugueiros. Paxaros, herbas e
insectos adquiren especiais significados cando coñecemos os seus nomes. Se a
nosa felicidade dependese de atopar unha saramaganta, un picanzo, un carrizo,
unha barbantesa, o matafogo, o érbedo, a loia,.. cantos poderíamos alcanzala?
Cantas cousas, sensacións e sentimentos son invisibeis para nós porque non
temos a palabra exacta que os conteña? Mais non son as cousas as que esconden o
seu nome, son as persoas as que deciden
descoñecelos, aínda que a terra fale e mesmo berre por nós. Así desfilan diante
dos ollos as tres partes do poemario descubrindo o significado auténtico de
herbas, paxaros, árbores, os topónimos escondidos, antropónimos esquecidos e
haikais que tentan nomear sensacións sutís e case secretas.
O novo poemario de Manuel Rivas estructúrase en tres partes introducidas por unha cita que remite
ao tópico do homo viator que arrastra
o seu camiño e se alimenta da linguaxe: A
terra que se esconde, A báscula de Ohio e Oracións fúnebres.
A terra que se esconde, precedida
coa cita de Camões (Inda muita terra se te esconde até que venha
o tempo de mostrar-se) redunda nesas realidades descoñecidas, ignoradas
polo abandono ou a deserción dos seus donos. Na natureza insurxente os Haikais
ceibes procuran, como signos lingüísticos esenciais e complexos, identificar unha
realidade sutil ou un sentimento sen nome previo, unha procura por lembrar as
cousas que están a perder as súas palabras.
Ese abraio das cousas
Cando o home
Ergue a man contra si p.
19
Todo o poemario é unha
loita contra o esquecemento:
O esquezo anda a caza
Polas brañas do tempo
Cun furón no peto p. 23
Os topónimos son
palabras cun significado oculto,
esquecido polo progreso, (coma o río soterrado de Monelos ou a fraga
invisíbel de Zas..) que pode ser rescatado.
As herbas e insectos
que ninguén ve, o matafogo no asfalto, a gargantesa mimetizada, denuncian o
atropelo das palabras esquecidas e a desaparición da consciencia que
procuraban.
A báscula de Ohio semella o ollo olímpico ou divino que observa en silencio
distante a culpa, a medida de todo, a tristura, a extinción da lingua, a
saudade, o silencio.
Oracións fúnebres, quizais a peza
máis emocionante, aloumiña outras realidades esquecidas, escondidas, palabras
ao fin, os nomes de persoas comprometidas coa xusticia, asasinados na guerra civil e perseguidos. A
loita contra a inxustiza non remata se hai esquecemento: A familia Camacho
Montoya, Ánxel Vila, María Miramontes ou Ánxel Casal entre outros, forman parte dese dicionario de signos que precisan lembranza para construir o noso coñecemento con obxectividade.
A boca da terra berra que non só
perdemos palabras; perdemos consciencia e alma.