miércoles, 12 de noviembre de 2014

DICIONARIO DO ESTREMECEMENTO, Miguel Anxo Fernán Vello, Espiral Maior, Col. Alba Longa, 2007



           Co Dicionario do estremecemento sigo a miña búsqueda de libros onde se mesturan xéneros literarios. Neste dicionario podemos atopar un glosario, aparentemente desordenado, hibridado coa poesía. Ensaio, descrición dun cosmos e poesía, asombro, estremecemento. Os seus poemas queren ser definicións apolíneas, elegantes, musicais, dun mundo máis fondo.
            Sabemos que poñer nome (o labor do dicionario primixenio) consiste en identificar, individualizar, os obxectos, os referentes, para que deixen de pertencer ao caos e poder tomar conciencia deles, porque só somos capaces de ver e comprender o que ten nome e, por tanto, definición.

            Poñer nome ás cousas é labor de deuses e quizais sexa este o auténtico pecado orixinal de Adán, ou de Eva, a lexicóloga primixenia que ofertou o froito da intelixencia ao home. O auténtico pecado foi ousar morder o froito prohibido da comprensión das cousas e do cosmos: o seu nome. Só co nome podemos aprehendelas no senso etimolóxico.

            Os poemas deste Dicionario, como xa adiantei, son apolíneos, musicais, elegantes, de longo fraseo, de longo período sintáctico algúns (Pobreza, Futuro Patinha), aínda que outros repiten ritmicamente aforismos esenciais coma un sagrado credo ritual (Lingua).

            Moitos inclúen finas referencias internas en imaxes ou metáforas que resoan coma un eco (Espera, Hospitais, Paciencia...) nun exercicio intelixente e esclarecedor: A Confesión na que se abre o dicionario é a declaración esencial do labor do poeta, vivir nas "luces do asombro", despois respira coa "néboa e os seus animais invisibeis" no poema Poetas e continúa, "como se a néboa nos asaltase cegándonos" no poema Hospitais que xa anuncia como "devecen na luz os astros da paciencia" que en "Aeroporto" escoitamos: "Toda viaxe é corpo e ten algo de esperanza.." E voltamos a escoitar :"Viaxe  para fuxir da morte, e seguir aquí a esperar" (Espera,  e logo Godot). O xogo de ecos segue intuíndose, suxerente, en todo o libro.

            Gosto de moitos destes poemas-definición, acepcións líricas quizais, pero un dos máis interesantes, pola súa complexidade, podería ser Fundición. Lembra as liñas da escola "épica" dos anos setenta nalgúns rasgos: Poemas alleos á subxectividade da primeira persoa, case narrativos. Comeza coma un relato "Tal vez, pensou, ela era un molde perfecto..." Segue con mirada estraña e distante ata sorprenderse (estremecerse) na descrición do símbolo fabril: "A fundición dispón das súas regras tenaces/ baleiro e simulacro, fabricación do espasmo..." case coma un libro de instrucións. Comezará a cerrar narrativamente: "Talvez, pensou, ela era un molde perfecto..." O crisol, a matriz da vida,  en mans do seu demiúrgo incansable e ignorante creador da vida, do pracer e da queimadura do ácido do tempo, a cinza, o silencio.

            Invito a ler este Dicionario aos que queren sentir "o abismo do poema" (Fillo),"o tremor no gume deste vivir errando" (Futuro), "o fío invisíbel da morte" (Nai),  e tantas outras fronteiras máis que decotío nos estremecen verdadeiramente.