Co Dicionario do estremecemento sigo a miña
búsqueda de libros onde se mesturan xéneros literarios. Neste dicionario
podemos atopar un glosario, aparentemente desordenado, hibridado coa poesía.
Ensaio, descrición dun cosmos e poesía, asombro, estremecemento. Os seus poemas
queren ser definicións apolíneas, elegantes, musicais, dun mundo máis fondo.
Sabemos que poñer
nome (o labor do dicionario primixenio) consiste en identificar,
individualizar, os obxectos, os referentes, para que deixen de pertencer ao
caos e poder tomar conciencia deles, porque só somos capaces de ver e
comprender o que ten nome e, por tanto, definición.
Poñer nome ás
cousas é labor de deuses e quizais sexa este o auténtico pecado orixinal de
Adán, ou de Eva, a lexicóloga primixenia que ofertou o froito da intelixencia
ao home. O auténtico pecado foi ousar morder o froito prohibido da comprensión
das cousas e do cosmos: o seu nome. Só co nome podemos aprehendelas no senso
etimolóxico.
Os poemas deste
Dicionario, como xa adiantei, son apolíneos, musicais, elegantes, de longo
fraseo, de longo período sintáctico algúns (Pobreza,
Futuro Patinha), aínda que outros repiten ritmicamente aforismos esenciais
coma un sagrado credo ritual (Lingua).
Moitos inclúen
finas referencias internas en imaxes ou metáforas que resoan coma un eco (Espera, Hospitais, Paciencia...) nun
exercicio intelixente e esclarecedor: A Confesión
na que se abre o dicionario é a declaración esencial do labor do poeta, vivir
nas "luces do asombro", despois
respira coa "néboa e os seus animais
invisibeis" no poema Poetas
e continúa, "como se a néboa nos
asaltase cegándonos" no poema Hospitais
que xa anuncia como "devecen na luz
os astros da paciencia" que en "Aeroporto" escoitamos: "Toda viaxe é corpo e ten algo de esperanza.." E voltamos a
escoitar :"Viaxe para fuxir da
morte, e seguir aquí a esperar" (Espera,
e logo Godot). O xogo de ecos segue intuíndose, suxerente, en todo o
libro.
Gosto de moitos
destes poemas-definición, acepcións líricas quizais, pero un dos máis
interesantes, pola súa complexidade, podería ser Fundición. Lembra as liñas da escola "épica" dos anos setenta
nalgúns rasgos: Poemas alleos á subxectividade da primeira persoa, case
narrativos. Comeza coma un relato "Tal
vez, pensou, ela era un molde perfecto..." Segue con mirada estraña e
distante ata sorprenderse (estremecerse) na descrición do símbolo fabril: "A fundición dispón das súas regras tenaces/
baleiro e simulacro, fabricación do espasmo..." case coma un libro de
instrucións. Comezará a cerrar narrativamente: "Talvez, pensou, ela era un molde perfecto..." O crisol, a
matriz da vida, en mans do seu demiúrgo
incansable e ignorante creador da vida, do pracer e da queimadura do ácido do
tempo, a cinza, o silencio.
Invito a ler este
Dicionario aos que queren sentir "o abismo do poema" (Fillo),"o tremor no gume deste
vivir errando" (Futuro), "o
fío invisíbel da morte" (Nai), e tantas outras fronteiras máis que decotío nos estremecen verdadeiramente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario