PURA TEJELO, A elegancia do século, Xerais 2017, XIX Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu.
Comeza este libro cun
outono eterno ou un atardecer inacabábel, iluminacións prematuras de neón en
cidades vesperais, febles flores, personaxes urbáns entre luces serodias, emigrantes
na lembranza, prazas, rúas e cafés observados no movemento dun ómnibus ou dun
auto fugaz, dende un "paxaro veloz de vidros suxos" desleixando o
raíz dos argumentos: "as mazás / se estragan denantes que a memoria"
aínda que só as mazás abren paso á luz cando caen da cesta furada (p. 14).
Engárzanse os poemas cos motivos citados e provocan un eco en cada páxina.
Atopamos de poema en poema a flor outonal, o bus, o turista, os personaxes
observados nas rúas (amizade, reflexo do falante, curiosidade, reflexión ou
mito), ata chegar ao fin, á casa.
O falante poemático
destes versos comeza sendo observador paciente, distanciado, testemuña implicada, remitente epistolar (en
"As flores da contrapena", auténtica clave poética) e chega a ser voz
meiga nos poemas invocatorios finais.
A memoria enganadora,
rebeirando as curvas do tempo, tamén é capaz de asombrarnos con sabios
contrastes porque a memoria é máis sabia ca nós. Aquela cidade que representaba
as primeiras ilusións de independenza e xuvenil inquedanza, agochaba o "Fastío"
(p.31), o desencanto das cousas baratas que ofrece a urbe a cambio do
esquecemento, a tristura do abandono da casa familiar, o abandono do paraíso
perdido. Agroma a casa dos pais nos versos do falante testigo que desfai o
nobelo da vida, pasadas xa as ilusións dunha mocidade que foi quen de
contrastar a cidade e a aldea, a melancolía e a ilusión.
Voltar á orixe esixe
esa melancólica observación da felicidade naquela casa viva, ente biolóxico que
respira na mitade final do libro nos poemas "A casa grande", "A
casa dos paxaros"...
"Entremos nela
que o lume alimente o
seu animal" (p.58)
Os alicerces desa casa
atópanse nunha vella fotografía, "A elegancia do século", que, como
as mazás, desaparecerá antes ca lembranza:
"os cristais
embazados
do recordo" (p.
56)
A elegancia do século,
é un mito levedado nun fogar misterioso enchido de historias. A coquetería
daquela presenza fotografada na emigración ou no exilio será o seu cimento
mentres perviva quen atenda e coide esa memoria:
"Mentres a nai
lea
haberá luz na casa"
(p. 55)
Mais é cimento fuxidío
se non hai remuda perseverante no raíz:
"Entremos na casa,
que non quede desamparada" (p. 57)
Sen dúbida este é máis ca un elegante
poemario de trazo limpo. É un libro que mostra ao lector un camiño (o retorno) para
recuperarse desa eiva outoniza que fatiga os vellos (tamén os novos) excesos, e para nos axudar
nese único traballo que leva, nunha nova posta, toda unha vida, unha herdanza:
coñecernos.