lunes, 6 de noviembre de 2017

PURA TEJELO, "A elegancia do século", o retorno.


PURA TEJELO, A elegancia do século, Xerais 2017, XIX Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu.

 

Comeza este libro cun outono eterno ou un atardecer inacabábel, iluminacións prematuras de neón en cidades vesperais, febles flores, personaxes urbáns entre luces serodias, emigrantes na lembranza, prazas, rúas e cafés observados no movemento dun ómnibus ou dun auto fugaz, dende un "paxaro veloz de vidros suxos" desleixando o raíz dos argumentos: "as mazás / se estragan denantes que a memoria" aínda que só as mazás abren paso á luz cando caen da cesta furada (p. 14). Engárzanse os poemas cos motivos citados e provocan un eco en cada páxina. Atopamos de poema en poema a flor outonal, o bus, o turista, os personaxes observados nas rúas (amizade, reflexo do falante, curiosidade, reflexión ou mito), ata chegar ao fin,  á casa.
O falante poemático destes versos comeza sendo observador paciente, distanciado,  testemuña implicada, remitente epistolar (en "As flores da contrapena", auténtica clave poética) e chega a ser voz meiga nos poemas invocatorios finais.
A memoria enganadora, rebeirando as curvas do tempo, tamén é capaz de asombrarnos con sabios contrastes porque a memoria é máis sabia ca nós. Aquela cidade que representaba as primeiras ilusións de independenza e xuvenil inquedanza, agochaba o "Fastío" (p.31), o desencanto das cousas baratas que ofrece a urbe a cambio do esquecemento, a tristura do abandono da casa familiar, o abandono do paraíso perdido. Agroma a casa dos pais nos versos do falante testigo que desfai o nobelo da vida, pasadas xa as ilusións dunha mocidade que foi quen de contrastar a cidade e a aldea, a melancolía e a ilusión.
Voltar á orixe esixe esa melancólica observación da felicidade naquela casa viva, ente biolóxico que respira na mitade final do libro nos poemas "A casa grande", "A casa dos paxaros"... 

"Entremos nela

que o lume alimente o seu animal" (p.58)

Os alicerces desa casa atópanse nunha vella fotografía, "A elegancia do século", que, como as mazás, desaparecerá antes ca lembranza:

"os cristais embazados

do recordo" (p. 56)

A elegancia do século, é un mito levedado nun fogar misterioso enchido de historias. A coquetería daquela presenza fotografada na emigración ou no exilio será o seu cimento mentres perviva quen atenda e coide esa memoria:

"Mentres a nai lea

haberá luz na casa" (p. 55)

Mais é cimento fuxidío se non hai remuda perseverante no raíz:

"Entremos na casa, que non quede desamparada" (p. 57)


Sen dúbida este é máis ca un elegante poemario de trazo limpo. É un libro que mostra ao lector un camiño (o retorno) para recuperarse desa eiva outoniza que fatiga os vellos (tamén os novos) excesos, e para nos axudar nese único traballo que leva, nunha nova posta, toda unha vida, unha herdanza: coñecernos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario