É sobradamente
coñecido que o tempo sufre distorsións cando é sometido a elaboración
literaria. Resúmense anos de experiencias en poucas páxinas na narrativa, voltan
a ser presentados os minutos vividos ante os ollos espías dos espectadores no
teatro e amplifícanse segundos meramente intuidos na poesía. Resumo,
re-presentación e amplificación caracterizan os xéneros clásicos. A poesía afonda no desdobre das intuicións apenas vividas estendendo eses breves segundos en densos versos destinados á
reflexión. Obvio é que os versos non chegan a tardar moito en ser lidos, mais
manteñen o seu eco longo tempo, coa súa musicalidade, coa súa sorpresa, co seu
acerto, a súa memoria.. tanto máis persistentes canto máis verdadeiros e breves
son.
Cando lemos os poemas
de Eva Veiga atopamos moitos poemas pequenos aparentemente sinxelos que apuntan
á pureza e á esencialidade e que persisten nese contradictorio eco que
comentabamos: O verso curto, lacónico que amplifica e estende a súa
significación.
Atopamos nos libros de
Eva Veiga as seguintes liñas nos seus poemas máis curtos e esenciais:
a- Os poemas cercanos
ao haiku.
b- Os aforísticos,
preto do refrán popular.
c- Os que lembran a tradición
da cantiga de amigo,
d- Os xogos veciños do
bismala árabe e o caligrama,
e- Os emparentados coa
greguería,
f- Os que plantexan
certa conexión coa adiviña tradicional.
a- Podemos sospeitar o
espíritu do haiku nalgúns dos seus poemas que sen respectar a adaptación
métrica máis común de tres versos de sete e cinco sílabas, sen embargo
manteñen dúas condicións do xénero
xaponés: a sorprendente emoción que
produce a contemplación da natureza (aware)
e a misteriosa unión de dúas imaxes das que unha evoca unha estación do ano (kigo) e a outra, o seu contraste.
Houbo unha primeira primavera do mundo
Está no meu sangue (A luz e
as súas cicatrices, p 29,)
No xardín,
a flor tinguiu de azul a eternidade (A luz e... p. 32)
Do teu pé,
a primavera salferida
de cristal
que rompe
en talo florido. (Fuxidíos,
p. 13)
Baixo o deserto
a sombra segreda do seu brillo
Detrás do tempo
o transparente misterio que non vemos. (Paisaxes do..79)
Preto destes atopamos
algúns poemas de evidente vocación
pictórica:
A túa mirada ten o arco perfecto
para soñar, como soña o ceo
cun peito sementado de pozos
fontes, ríos, e incluso un mar de luz. (A luz e... p23)
Ventá amarela
Do outro lado, casa azul.
Detrás, un bosque branco.
Máis atrás e por riba do ceo, verde, o sol. (A luz e... p25)
b- Os aforismos poéticos
de Eva Veiga, en forma de imaxes concisas aparecen coma froito e obxecto de
reflexión, ás veces con aires de proverbio ou refrán:
No entrementes de te ver
e xa perderte
en memoria que te mira.
(A luz e as súas cicatrices,
p. 22)
Só a esperanza
é lentura. Todo
o demais xa pasou. (Paisaxes
do baleiro. p. 17)
Na vida de cada home van murchándose herbas
que estraños expertos
van catalogando.
Da grafía seleccionada
nacerán as flores que adornen o noso funeral. (Fuxidíos, p.22)
Esta é a beleza
esta dura concupiscencia
que dura estala
se dentro rompe ferida
a cor que nos mira (Fuxidíos,
p.30)
Hai tardes que espero
nunha tristeza cóncava
o tenro tren
da infancia
regalo ou soño
que nunca chega
nin tan sequera roto. (Fuxidíos,
p. 40)
Creo na esperanza
que redime o presente de ser pasado (Paisaxes do baleiro, p. 75)
c- Podemos achar pequenos poemas inspirados na tradición da cantiga de amigo e nas súas variacións: cantiga de fonte, de nai, de amiga, marina, barcarola, alba:
Nai,
parten as naves e hei de ir
ata que os dedos do soño cesen
de tecer as aguas. (A
luz... p. 36)
Dende o mar
fun ó río, do río
a unha fonte clara.
Logo atopei unha porta pechada. (Paisaxes
do... p. 31)
Aprendinte núa e certa
como a fenda
que socavan os abandonos necesarios (Paisaxes do... p. 61)
Perdón amigo
pero veño na noite
vagando por escuras praias
e teño pra min que estou perdido:
nas prazas dos homes
só quedan
fontes de desamor feridas. (Fuxidíos,
p.19)
d- Atopamos pequenos poemas
que son xogos
veciños do caligrama ou do bismala árabe pola súa significativa disposición
gráfica:
Baixei ata o mar
e ali
mirei
coma
brancos caraveis
as ondas
bater
contra
o
seu fin. (Paisaxes do baleiro, p. 65)
A carón do lume
medran
os teus peitos
de
nube
Pola silueta
tremelante
da
túa voz
cabalgan
fuxidíos
horizontes
Estoute a contemplar
e
xa
te olvido. (Fuxidíos)
Sería tan doado
caer
agora
deliberadamente
caer
en ausencia de min
caer
na ausencia toda. (Fuxidíos)
e- Son especialmente curiosos
os poemas que podemos emparentar coa greguería ramoniana. Son breves composicións
que xunguen a poesía e a estrañeza nas que ás veces sospeitamos certa irónica
ou humorística sorpresa.
A Nada
Ese número secreto (
A luz e.. , p. 72)
Coñezo un lugar -e non é lenda-
onde as noites
nas que a lúa empreña,
ós cans médralles o corazón
e ouvean. (Paisaxes
do.. , p. 23)
Observo a canseira do espello:
Hai un óxido lunar
apozado na súa eterna vixilia (Paisaxes
do.. p. 25)
Tentámolo tantos días
coas súas noites...
Non ser amantes, quero dicir. (Fuxidíos)
A lúa aínda latexaba
cando entrou polo balcón (Desconcerto,
p. 38)
f- Aínda que todo
poema plantexa o seu enigma (a interpretación), entre os poemas breves de Eva
Veiga son salientables os ecos da adiviña tradicional. É especialmente
interesante observar o léxico referido á sensorialidade nestas adiviñas e
noutros poemas. A cegueira e, como consecuencia, as sensacións táctiles, auditivas, olfativas máis
acusadas demostran unha hiperestesia que chega máis alá do evidente: a
percepción, a sensibilidade necesarias para dar conta do vivir.
Podemos intuir este xénero popular da
adiviñanza nas acumulacións de enigmáticas cualidades, en ocasións,
paradóxicas, e mesmo na rima:
Agardo e non vés
o teu silencio avanza
esférico cempés. (Paisaxes..,
p. 33)
Instrumentos torpes, lixeiros,
afinados, indolentes, arrebatados,
desmemoriados, excesivamente graves
ou agudos, indefinibles, proxenetas
ou apóstatas, anacrónicos, exóticos,
intocables, prófugos, desconcertados. (Desconcerto, p14)
Esa caligrafía
que vibra no aire
incorrixible. (Desconcerto, p. 33)
Teño a certeza
De que toco algo que me ve.
E eu sen ollos cos que poder miralo. (Desconcerto, p. 41)
Baixo o deserto
a sombra segreda do seu brillo.
Detrás do tempo
o transparente misterio que non vemos. (Paisaxes.. p. 79)
Recapitulando todo o
anterior, debemos observar a evidente incidencia da tradición popular na obra
de Eva Veiga e considerar que probablemente sexa un pouco artificioso falar da
presenza de haikus ou de aforismos, máis ben, eses pequenos poemas fan revisión e profundan no refrán, no
proverbio e no adaxio popular.
En todo caso, o
interese destes pequenos xéneros coincide dalgún xeito cos recursos
dramatizadores ou teatralizadores que
atopamos en moitos dos seus poemas: uso da segunda persoa, de
demostrativos e outros deícticos, exclamacións... Estes actualizadores, tan presentes na poesía
tradicional como na de Eva Veiga, transforman o discurso nun estilo directo e
ao lector, en espectador que escoita e ve; fan partícipe do poema e do seu
argumento lírico. A súa maxistral presenza implica ao lector, alongando ese
tempo, do que falabamos no principio deste artigo, máis aló do tempo da
lectura, no seu reto. Cando, coma un neno que escoita as palabras da avoa, es invitado a solucionar o enigma.
Exiliados da verdade
labramos o enigma. (Desconcerto,
p 27)
OBRAS DE EVA VEIGA
CITADAS:
Fuxidíos, Col. Esquío de poesía,
1993.
Paisaxes do baleiro, Edicións Xerais, 1999.
A luz e as súas cicatrices, Col.
Esquío de poesía, 2005.
Desconcerto, Biblos, col Mandaio,
2006, con debuxos de Alfonso Costa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario