sábado, 15 de octubre de 2016

A TEORÍA DOS LÍMITES DE EVA VEIGA


O vértice adoita aparecer coma un punto culminante, coma un clímax. A arista é a  a prolongación nunha liña recta dun vértice cando dous planos se cruzan marcando un límite, unha fronteira entre dúas rexións, unha en sombra, asombrada, e outra, á luz, iluminada. O vértice, e a súa prolongación nunha liña separadora é un horizonte, unha fronteira para a mirada, un límite que os valentes ou os tolos intentan pescudar, aínda que nunca alén do horizonte onde termina ou comeza a conciencia, o soño, a vida, a morte, o presente fuxidío. "Ascese" é o nome que algúns dan a esa indagación. Según Jorge Riechman:

"Si lo posees, lo borras. Si lo transcribes
lo pierdes. No puedes a la vez  
amarlo, entenderlo y explicarlo"
                                                          (Ahí te quiero ver)

Eva Veiga encarna a conciencia do misterioso e inasible instante no que o presente se fai consciencia.  Ese é o segredo do título, Soño e vértice: Entre a conciencia e o baleiro hai un vértice infinitesimal, un límite que únicamente observa o poeta. A titánica labor do artista é a pescuda dos límites.
O poema é o territorio do non nomeado porque está a identificar unha realidade nova e invisible para moitos. O poema é un signo complexo que aborda a concreción intelectual dunha realidadde nova e sutil.  O poeta é o nomeador, o que bautiza referentes novos. Podemos afirmar que non existe a realidade sen palabra que a nomee. Certamente, somos cegos no almacén se nos piden unha ferramenta que non coñecemos, ou na fraga se temos que atopar unha árbore descoñecida. O entomólogo devece por atopar unha nova especie, e se a atopa, poñerá un nome novo; o poeta investiga tamén na realidade, na conciencia, nos mecanismos da nosa mente que non explica a sicoloxía nin a fisioloxía.
Quizais sexa por iso que os últimos poemas de Soño... sexan máis escuros, entrando en eidos de inefabilidade e dificultade, fuxindo da referencialidade, porque non é visible, non é tanxible, non é perceptible, non é doado atopar o instante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario